mrmistofilms

Mr Misto Films » Eventos e festivais

Ciname no eido social

Mr.Misto Films foi a empresa encargada de xestionar Cinema no eido social, un proxecto do Consorcio Audiovisual de Galicia. Ao longo do mes de xullo de 2004 un ciclo de proxeccións de cinema galego percorreu os cinco centros penitenciarios localizados na comunidade. Os reclusos das prisións de Monterroso e Bonxe (Lugo), Pereiro de Aguiar (Ourense), A Lama (Pontevedra) e Curtis-Teixeiro (A Coruña) puideron asistir á proxección dos filmes galegos de maior éxito do momento: A lingua das bolboretas de José Luis Cuerda, O lapis do carpinteiro de Antón Reixa e O alquimista impaciente de Patricia Ferreira.

Comicarteixo

Mr.Misto Films foi a encargada en 2006 da produción da XI edición do Certame de Banda Deseñada de Arteixo, un evento dedicado en exclusiva ao mundo do cómic onde se realizaron seminarios formativos, creativos e proxeccións de curtametraxes de animación.

Curtas de nadal

A Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia puxo en marcha en decembro de 2006 o programa Curtas de Nadal, un proxecto xestionado pola Axencia Galega do Audiovisual e coordinado por Mr.Misto Films. Ao longo das datas de Nadal exhibíronse preto de 50 curtametraxes en ducias de poboacións galegas, logrando que máis de seis mil persoas puidesen achegarse á creatividade e á imaxinación dos creadores galegos de curtas.

Data de celebración: decembro 2006 e xaneiro de 2007
Organizan: Consellaría de Cultura e Deporte e Axencia Audiovisual Galega
Coordina: Mr.Misto Films

Novafactory

Novafactory é o foro da industria audiovisual e cultural; unha proposta multidisciplinar de Mr.Misto Films onde se combinan as actividades formativas, co mercado de produtos audiovisuais e a mostra e creación de curtametraxes.

No eido formativo, Novafactory afonda nas áreas da distribución e na produción audiovisual así como no coñecemento das últimas novidades a nivel técnico. Diferentes empresas do sector audiovisual e cultural teñen participado en Novafactory dende que se puxo en marcha en 2005, distribuídas en diferentes stands nos que mostran os seus traballos e equipamentos, ofrecéndolles deste xeito unha importante oportunidade de negocio. A mostra audiovisual de Novafactory céntrase na proxección de curtametraxes de ficción e documental así como na creación de novos formatos. Na edición de 2006, Novafactory puxo en marcha o certame Mobilízate, o primeiro festival de curtas para móbil feito no Estado español.

Organizan: Mr.Misto Films e Concello de
Data de celebración:
Estrutura: Foro + Mercado + Mostra

On&Off

O Festival Creativo de Curtas On&Off é unha aposta polos novos valores do audiovisual. Un evento no que se combinan a produción e gravación de curtametraxes e mini-curtametraxes polas rúas da vila con diversas propostas formativas e culturais, así como coa proxección das pezas audiovisuais en espazos históricos da localidade. Un festival con vocación internacional nos seus contidos onde a innovación de formatos é unha constante.

Organizan: Mr.Misto Films e Concello de Ribadeo
Seccións: A Toda Mecha, Curtas express, Mistura Sound
Festival, seminarios formativos, acampada e moito máis.
Datas de celebración: do 1 ao 4 de agosto de 2007

Rede de Curtas

Mr.Misto Films pon en marcha no ano 2003 o proxecto de distribución e exhibición de curtametraxes RedeCurtas coa intención de achegar este formato audiovisual ao público galego. A través da proxección en espazos públicos, casas da cultura, auditorios ou locais hostaleiros, RedeCurtas pretende crear unha programación estábel de curtametraxes co fin de lograr un público fiel a este formato. Mr.Misto Films programa sesións de proxección de cinco ou seis filmes, cunha duración aproximada de 70 minutos, onde se mesturan propostas de ficción, animación e documental, en sesións presentadas por profesionais do medio que contextualizan as obras que se inclúen nas proxeccións. Máis de vinte concellos veñen programando a rede ano tras ano no territorio galego. Nesta edición, RedeCurtas, inicia a súa expansión ás comunidades veciñas.

Data de celebración: todo o ano.

Semana do audiovisual galego

Mr.Misto Films foi a empresa encargada de coordinar a Semana Galega do Audiovisual, un programa da Academia Galega do Audiovisual para a promoción dos Premios Mestre Mateo 06. Ao longo de sete días realizáronse máis de medio cento de proxeccións nas principais cidades e vilas galegas onde, de xeito simultáneo, se exhibiron as pezas finalistas dos premios Mestre Mateo.

Máis de 5000 persoas tiveron acceso a case cen horas de produción audiovisual galega, tanto de longametraxes cinematográficas, documentais, filmes para televisión, programas de tv e pezas publicitarias, tanto en centros de ensino coma en locais de hostalería e outros centros de difusión cultural da xeografía galega.

As proxeccións contaron tamén coa presenza de actores, directores, realizadores e técnicos vencellados ás producións exhibidas.

Organiza: Academia Galega do Audiovisual
Coordina: Mr.Misto Films
Data de celebración: 30 de abril ao 5 de maio

©2007 Mr Misto Films
Un deseño de Mr Misto Design
Delegacion Norte: 981 667 665 | Delegación Sur: 986 189 496
Enderezo electrónico: contacto@mrmisto.com