Mr.Misto Films concibe a formación como un dos piares fundamentais da súa carta de servizos. O seu obxectivo é achegar á sociedade, sen complexos e de xeito práctico e motivador, as novas tecnoloxías da información e a comunicación. Unha aposta seria e sólida polo fomento da I+D+i (Investigación, Desenvolvemento e Innovación), e polo achegamento da cultura audiovisual e tecnolóxica a todos os sectores da sociedade.
O proxecto de Mr.Misto Films ten como eixes principais a realización de obradoiros de alfabetización dixital así como de realización de curtametraxes en diferentes soportes cun público obxectivo ben diverso. Ao longo da súa traxectoria ten realizado proxectos por encargo de administracións públicas, tanto a nivel autonómico como municipal, así como doutros colectivos interesados en coñecer máis de preto os procesos de creación audiovisual.
Tamén leva a cabo programas “ad hoc” segundo as necesidades formativas que presenta cada un dos novos proxectos.
Mr Misto films » Propostas Formativas
- Obradoiros: cunha duración aproximada de 30 horas, Mr.Misto Films desenvolve obradoiros formativos nos que se traslada ao público asistente nocións teórico prácticas sobre a temática elixida.
- Seminarios: os seminarios formativos que organiza Mr.Misto Films están destinados a un público específico, profesionais do audiovisual ou da cultura, cun interese concreto pola temática do mesmo. Realízanse de xeito intensivo cunha duración de entre 2 e 6 horas. Cada seminario está dirixido e coordinado por un profesional da materia. Mr.Misto Films ten organizado seminarios formativos sobre diferentes aspectos do mundo audiovisual, centrándose nas innovacións tecnolóxicas do sector e nos novos modelos de negocio que se presentan de cara ao futuro.
- Cursos: Mr.Misto Films organiza cursos sobre diferentes aspectos relacionados co mundo audiovisual. Impartidos por recoñecidos profesionais do sector e cun programa no que se combinan a teoría e a práctica, os cursos contan cunha carga lectiva e unha duración máis ampla ca no caso dos seminarios e obradoiros.
- Programas de alfabetización dixital: no seu empeño por achegar as novas tecnoloxías a todos os recunchos da sociedade, Mr.Misto Films pon en marcha os seus programas de alfabetización dixital nos que, de xeito ameno, se ofrecen nocións básicas sobre fotografía dixital, video, deseño web, vídeo con teléfono móbil, a industria do audiovisual... Mr.Misto Films desenvolve proxectos con diferentes segmentos da sociedade, tanto por iniciativa propia como por encomenda de diferentes entidades. Colectivos de mulleres, menores, anciáns, colectivos con problemas de integración social que teñen solicitado os seus servizos participaron nos programas de alfabetización dixital de Mr.Misto Films. Estes cursos impartíronse tamén en centros de ensino e nos centros penitenciarios galegos. Realízanse, así mesmo, programas de alfabetización dixital á carta.